Saturday 20 de April de 2024

A Xunta inicia a construción dunha senda peonil entre Fonte Díaz e o empalme de Vilar, no concello de Touro


O Goberno galego financia estas actuacións mediante un orzamento que supera os 500.000 euros

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de iniciar as obras de construción dunha senda peonil entre Fonte Díaz e o Empalme de Vilar, na estrada AC-240, no Concello de Touro.

Estes traballos, enmarcados no Plan de Sendas de Galicia, teñen un orzamento de 500.914,17 euros e contan co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O proxecto consiste na execución de sendas de formigón polas dúas marxes da estrada entre Fonte Díaz (PK 12+900) e o empalme de Vilar (PK 25+800), en treitos descontinuos que complementarán ás beirarrúas e senda xa existentes nalgúns tramos. O seu obxectivo é dotar a este tramo da estrada dunha zona diferenciada para o tránsito de peóns.

Unha vez rematadas as obras, a estrada contará cun itinerario peonil continuo pola súa marxe dereita en todo o tramo de actuación e tamén con sendas nos tramos máis consolidados da marxe esquerda. Para isto, construiranse máis de 5,5 quilómetros de nova senda, discorrendo case 1,7 km pola marxe esquerda e preto de 3,6 km pola marxe dereita, e repararanse máis de 650 metros de tramos xa existentes. As obras levaranse a cabo na zona de dominio público do vial, polo que non se precisarán expropiacións.

A Xunta aposta por este tipo de actuacións, coas que se facilita a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios e ademais se fomenta unha mobilidade peonil máis respectuosa co medio ambiente, alternativa ao uso do vehículo privado.